De súpeto a voz de Deus chamoute lonxe
e un silencio infindo fíxote noso
baixo as pálpebras todas
que aínda te choran.
Xa es sombra de espellos vougos
na baleira estancia de esquecidos nomes.
Xa es ausencia ispida ao pé dos candelabros
e de todas as raíces que te apreixan.
¡Xa es ti mesmo, ou Luís, e pasa sempre!
Para sempre xa a procurar na terra
o senso derradeiro que teñen as cousas.
Para sempre xa a te entobar na morte
como nun ámbito novo
ande te estender sen mágoas.
Para sempre xa como un anxo durmido
na cornixa longa do teu non ser...
E a nena probe bailará para ti deica a fin das idades.
E a noite será un piano escuro
con música de estrelas.
E o vento arrincará os domingos dos almanaques
para que o tedio non sexa contigo endexamais.
E terás unha escalinata de escumas
baixo un reloxo inmóbil
a onde Ela virá para te agardar
recollendo no seu mandil
un ramo de versos.
Ti dirás, entón, que a morte é fermosa
e nós calaremos
para non te saber ausente.
Despois--alá das rosas brancas--
ti xa non serás máis
que esa vaga e tan lene
sombra do aire na herba.
No hay comentarios:
Publicar un comentario